Upgrade to Pro — share decks privately, control downloads, hide ads and more …

Arredor de si (Otero Pedrayo)

Sponsored · Your Podcast. Everywhere. Effortlessly. Share. Educate. Inspire. Entertain. You do you. We'll handle the rest.
Avatar for cliessar cliessar
November 11, 2011

Arredor de si (Otero Pedrayo)

Tres fragmentos, tres momentos, da obra onde se ve a evolución do protagonista Adrián Solovio

Avatar for cliessar

cliessar

November 11, 2011
Tweet

More Decks by cliessar

Other Decks in Education

Transcript

  1. Anoitecendo o segundo día, chegóu Adrián da estación. Viña máis

    fraco, desfeito da viaxe. A nai, refuxiándose no seu peito, choróu por fin bágoas consoadoras. Fuxía a derradeira inquietude da faciana do doente e a súa man acariñaba a testa do sobriño axionllado. Na noite ficaron soilos. Entón o doente falóulle ao Adrián: —Meu fillo, vai ao despacho e descolga aquel mapa grande... Quero velo denantes de morrer..! O sobriño coa axuda do señor Pascual trouxo á alcoba o mapa de Fontán. Pendurárono da parede. Os ollos do enfermo reviviron. A man figuraba sinalar horizontes. Unha pura alegría animaba a faciana murchiña e branca. Adrián cunha vela na man ía alumeando os lugares que o vello dicía con voz lonxana: Corme, Laxe, Camariñas, Niñóns... Adrián non sabía sempre atopar os sitios. O enfermo f alaba: —"Non, á dereita, á esquerda, un pouco ao norte". A vela alumeóu longamente un nome e o sitio de Compostela. Adrián lía nomes de montes, de ríos, de pobiños, de ermidas. A luz ía seguindo os trazados dos camiños. Naqueles instantes extraños e fondos figuraban lucir no mapa agras marelas de centeo, ermos vestidos de flores de toxo e de piorno, serras penedo.sas, campanarios barrocos, xente que vai polos sendeiros aos muiños e as feiras, verdeceres de camposantos, fuxir de augas, praias douradas, galgar de ondas nos cons, velas que saían ronselando a mar, orballeiras sobre os arboredos mestos, rúas de vellas cidades, soedades de esquencidos mosteiros. Adrián sentíase conmovido hastra o máis fondo do seu ser. Tremándolle a man foi alumeado todo o camino de Santiago, a terra de Ourense, as dúas .aldeíñas xemelas do val onda eles estaban, parou un instante como un cirio funeral no nome do pobiño no que morría D. Bernaldo e logo foi recorrendo todo o dibuxo das fronteiras e costas da Galicia. Don Bernaldo xa non falaba. Sorría. Grosas bágoas queimaban as fazulas do Adrián. Tivo que saír á sala e liberar os seus saloucos na fiestra, cara á noite. Logo, atendendo os signos do doente púxolle o crucifixo nas mans. Xa non o afastaba dos beizos, Chegaba doña María co abade. Un feble suspirar fuxía axiña do leito. O crego marmulaba oracións de agunía. Un rumor como o da derradeira auga dunha fonte que se enxoita. Don Bernardo morría docemente, e unha negra sombra corría sobre o mapa de Galicia. (páxs.110-112). ----------------- En Santiago, Adrián sempre se coidaba na Europa e máis galego que nunca. A sensación do Estado español estaba para el ausente da cidade. Libertade das prazas sin tendas nin quioscos, libertade e cosmopolitismo do capitel románico feito para o pobo e traballado en linguaxe que adoita o falar de cada patria. Compostela non merece o seu ditado de apostólica, soilo pola reliquia do Apóstol, sinón por un apostolado universal de cidade franca. Adrián soñaba que nas cátedras e nos pulpitos volverá a sonar a voz de todos os mestres do mundo, e denantes que outra, as voces galegas que xermolaban escuramente na Galicia. Eles ceibarían o esprito da Terra. Adrián, nun ditoso estado de posesión de sí, consideraba sin xenreira as outras terras ibéricas, mandaba un saúdo ao pequeño lugar bur-galés onde coñecera a ermida de Nosa Señora das Labercas, e a tráxica paixón de Toledo. De igoal a igoal, Adrián pensaba ser o tipo dunha xeneración, e con optimismo coidaba que no mesmo inverno outros galegos, todos os ben intencioados, todos os que pensaran con lealtade, chegarían á súa liberación que era a liberación da Galicia en ben da Europa, do Mundo e do Espirito Inmorredoiro. Eiquí remata o primeiro, longo e tráxico estadio do vivir de Adrián Solovio. A súa vida dende agora identifícase coa vida da Galicia; xa non é novela, nin experiencia psicolóxica. Xa é historia. Pois a Galicia tamén comenza a ser outravolta historia desque adeprendéu os caminos para atopar a súa conciencia e deixóu de andar, como unha cega, arredor de sí. . (Páxs.184,185 Ourense, xaneiro do 1930. A Galicia lonxana. A Provincia. Verba fea guedelluda. Adrián sentíase máis novo e máis vello. Ficaba lonxe a verde soedade da aldea. Non a entendía. Non a entendería nunca. Algunha vez quixo vivir nela co esprito posto na Europa. Libros. Revistas. Fóra, indiferente a toda novidade do artigo ou do libro, debruzábase un longo solpor de outoniza tristura e prisión das mañás molladas. Tiña medo na aldea: ao misterio da campía e a deixar valeirarse un vivir disposto para outra cousa. Adrián pisando os alfaltos, un pouco mareado polo trafego da xente trataba de se asegurar nun plan. Axiña viría a primavera. Libros novos. Relacións. Todo co gallo dunhas cátedras (páxs. 113-114) Arredor de si