A paridade entre mulleres e homes nos tribunais de avaliación é unha das medidas de acción positiva que se teñen implantado no Sistema Universitario Galego a diferentes niveis. Na Universidade da Coruña (UDC), por exemplo, é un requisito esixido nos tribunais de tese de doutoramento, ou nos tribunais de avaliación de prazas de profesorado permanente. Porén, outros niveis, como os tribunais avaliadores de Traballos Fin de Grao ou Mestrado, deixan a composición destes a criterio dos centros e os seus regulamentos correspondentes. A viabilidade do esforzo requirido para garantir esa paridade, especialmente en centros onde o profesorado se distribúe de xeito desigual entre homes e mulleres, queda xa que logo a discreción das persoas responsables en cada caso.
Neste traballo presentamos os datos recadados desde a Coordinación do Grao en Enxeñaría Informática da Universidade da Coruña en relación á paridade dos tribunais de TFG e as cualificacións obtidas polo estudantado, antes e despois da implantación deste criterio en setembro de 2017.